Thursday 02 de May de 2024

O concello renovará o céspede artificial do campo municipal da Laracha


O proxecto presenta un orzamento de 215.000 euros.

O Concello iniciou o procedemento de contratación do proxecto de substitución do céspede sintético do campo de fútbol Municipal da Laracha para renovar un equipamento deportivo que leva sendo empregado de xeito intensivo durante máis dunha década.

O proxecto elaborado polo Concello está valorado en 215.000 euros e prevé a renovación do pavimento de herba artificial nunhas dimensións de 107,60 x 64,40 metros (en total, 6.950,96 metros cadrados de superficie), mantendo o tamaño actual tanto do campo de fútbol 11 como dos dous campos de fútbol 7.

O novo céspede será de última xeración, mixto e de 40 milímetros. Cumprirá coas especificacións e normativas correspondentes para asegurar a máxima calidade conforme aos niveis que esixe a certificación FIFA Quality Pro. Colocarase sobre unha nova base plástica que favorecerá un máis óptimo comportamento deportivo para a práctica do fútbol.

Ademais, a solución escollida é medioambientalmente sostible ao empregar maquinaria específica na retira do céspede que posibilite o aproveitamento do material ata nun trinta por cento, podendo darlle unha segunda vida empregándoo como elemento decorativo en espazos públicos.

O campo de fútbol Municipal da Laracha acolle a actividade -adestramentos e partidos- dos equipos de todas as categorías do Laracha C.F. e do Club do Mar de Caión, ademais doutros eventos puntuais organizados polo Concello como o campionato municipal de peñas ou o campus de fútbol que se levan a cabo durante o verán.